Wednesday 08 de May de 2024

Alternativa de Sada reclama á Xunta servizos adicionais de autobuses para as festas


A Xunta está a prestar este servizo adicional de autobuses para garantir unha mobilidade segura nas festas dos concellos da área metropolitana da Coruña coma Oleiros ou Culleredo, mais esqueceuse de Mosteirón a pesar de ser unha das festas máis multitudinarias da comarca.

Alternativa dos Veciños reclama igualdade de trato respecto a outros concellos no tema dos servizos adicionais de autobuses que a Xunta está a prestar en festas coma as do Burgo, Mera ou Lorbé. Para Alternativa resulta absolutamente discriminatorio o trato que a Xunta lle está a dar ó Concello de Sada respecto a este tema, xa que, a Xunta de Galicia esqueceuse por completo das festas de Mosteirón onde houbo unha grandísima afluencia de cidadáns e incluso un falecido en accidente de tráfico, e lembra que estas medidas de Servizos adicionais de autobuses para as festas parroquiais son esenciais para procurar unha mobilidade segura.

Este esquecemento das festas de Mosteirón por parte da Xunta tampouco é algo novo para Alternativa, xa que, esta parroquia sadense é a única que non ten ningunha parada de autobús a pesar do novo plan de transporte galego aprobado recentemente. Alternativa dos Veciños demanda da Xunta de Galicia o mesmo trato para Sada que o que está a ofrecer a outros concellos e confía en que nas vindeiras festas da capital do Concello, as Festas do San Roque, a Xunta incremente o servizo de autobuses para acudir as festas de Sada, unhas celebracións cuxa popular sardiñada é Festa de Interese Nacional.